lunes, 4 de diciembre de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (37) "O lapis máxico de Malala", de Malala Yousafzai





TÍTULO:  O lapis máxico de Malala

AUTORA:  Malala Yousafzai


EDICIÓNS XERAIS. 2017.


Nestes “tiempos de ignominia” que diría José Agustín Goytisolo, cando faltan referencias que poden axudar a acadar un sentido ás nosas vidas, cando a xente nova precisa espellos nos que mirarse, un ten que celebrar a aparición de aálbums como O lapis máxico de Malala (Edicións Xerais, 2017).

     A figura de Malala Yousafzai  faise necesaria.  Cando tiña once anos levaba un blog en urdu, para a BBC, sobre a vida baixo o poder dos talibáns. Utilizaba o pseudónimo de Gul Makai, para escribir sobre a loita da súa familia pola educación das nenas na súa comunidade.
     
Malala Yousafzai
     
     Foi en outubro de 2012 cando Malala se converteu en obxectivo talibán e un día, ao volver do colexio en autobús, disparáronlle na cabeza. Sobreviviu de milagre e continúa a súa campaña pola educación. Recibiu diversos premios pola súa afouteza e á súa defensa activa e no ano 2014 concedéronlle o Premio Nobel da Paz, que compartiu co activista indio Kailash Satyarthi, sendo a persoa máis nova en recibir este galardón. En 2017 Malala foi nomeada Mensaxeira da Paz da ONU, con especial énfase na educación das nenas.
     
     


     O lapis máxico de Malala é a súa propia historia. Un relato a partir dunha serie de televisión, na que o protagonista era un rapaz chamado Sanju que podía converter en realidade calquera cousa debuxándoa cun lapis máxico que atopara e que lle permitía saír dos apuros que nos que se metían el e mais os seus amigos.
     Durante un tempo Malala soñaba con ese lapis máxico. Pouco tardou en comprender que, cando unha persoa atopa a súa voz, calquera lapis pode ser máxico.
     O seu pai, que era director de escola, estaba a prol da educación das nenas, pero a elas se lles prohibía asisitir á escola. Decatouse axiña de que tiña voz e decidiu empregala. Estaba convencida do dereito que a rapazada debía ter acceso á educación. E así se converteu en voceira desta idea, dando charlas polo mundo sobre aimportancia da educación universal.
     

     Máis de cento trinta millóns de nenas non poden ir á escola. Moitas delas, refuxiadas. Por iso, en 2015 e 2016, a fundación que creo, a Fundación Malala, abriu escolas no Líbano e Xordania para as refuxiadas sirias.

     Este álbum é unha preciosidade. Permite entrar na vida desta moza paquistaní dun xeito sinxelo e enternecedor.
     María Alonso Seisdedos encárgase dunha magnífica tradución ao galego, as ilustracións, tenras e expresivas, delicadas, son obra de Kerascoët, pseudónimo dun famoso equipo de ilustradores formado por Marie Pommepuy e Sébastien Cosset. Viven e traballan en París no eido da animación e da ilustración.


     En definitiva, un álbum moi coidado, moi elegante, para ler e gozar coa vista. Para penetrar no seu contido e para reflexionar. Un álbum sen idades, no que a beleza estética e a beleza moral van da man. Un álbum que remata dun xeito emocionante:
                             
                        Un neno, un mestre,
                               un libro e un lapis
                                            poden mudar o mundo.


                                                                                                                         ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO